domingo, 19 de mayo de 2013

ALCOL PRECOZ E DANO CEREBRAL

Ricardo García Mira



A idade media de inicio no consumo de alcol en España é de 16,7 anos. É a droga de maior consumo en estudantes de secundaria, e os costes socioeconómicos que resultan do incremento detectado en menores centran cada vez máis a nosa preocupación: accidentes de tráfico, violencia, delitos contra a propiedade, sexo de alto risco ou psicose, entre outros. España ten xustificado sempre o alcol en que somos un país produtor, especificamente de viño, e beber forma parte da nosa cultura, o que impulsou estratexias baseadas na promoción de prácticas de consumo responsable. Esta tolerancia hoxe, combinada con estratexias, esta vez comerciais, veu debuxando unha traxectoria que foi decaendo cara a unha desidia social.

A existencia dunha idade por debaixo da cal se prohibe o consumo de bebidas alcólicas non é infundada, senón que está baseada en investigación actual, que demostra que os menores reaccionan ao alcol de maneira diferente aos adultos. Acadan o estado de embriaguez o dobre de rápido e os danos cerebrais que experimentan durante un proceso que aínda é de maduración cerebral chegan a ser estruturais e, por tanto, irreversibles. Un exemplo é o dano producido durante o proceso de mielinización neuronal, básico en moitos procesos de pensamento, adopción de decisións, control de impulsos e maduración emocional.

Os principais factores que inflúen nas crenzas e actitudes cara ao consumo están na familia e nos compañeiros. Logo a educación desde casa para o risco é importante, aínda que non suficiente. As intervencións baseadas no traballo con normas sociais que corrixan falsas crenzas sobre o inofensivo do alcol ou o risco de beber a unha idade temperá e a promoción de programas que permitan a inclusión da educación para a saúde no proxecto de centro constitúen estratexias chave.

No hay comentarios: