Ricardo García Mira
Cando fun profesor invitado na Universidade de
Texas, hai xa dez anos, tiven dúas invitacións institucionais a xantar
fóra da Universidade, unha ao chegar, a cargo do responsable do programa
de investigación no que estiven implicado, e a outra ao finalizar a
miña estancia, a cargo do director do departamento, como despedida. En
ambos os casos, a factura pagouse con dous cartóns de crédito, un
institucional, que deu conta do xantar protocolario, e outro persoal -do
meu anfitrión-, para pagar o viño que acompañou estes eventos.
Descubrín así como a Universidade de Texas, como moitas outras
institucións norteamericanas, en ningún caso financia bebidas
alcohólicas con cargo ao erario público.
España é diferente, aquí o alcol forma parte non
só da vida social, senón tamén da vida institucional, sen prohibición
expresa legal. Se tivésemos que calcular a cantidade de alcol consumido
en viños españois, cócteles, xantares institucionais, ceas que se
financian ao ano con cargo ao erario público en dietas, celebracións,
invitacións protocolarias, sardiñadas e demais, chegariamos á conclusión
de que estamos ante algo francamente inmoral, nestes e en calquera
tempos que corran. Si, será legal, pero é inmoral. Sen saír de casa,
contabilizamos o viño anual que dá a institución na que traballas, e de
aí para abaixo, todo o que ten un cargo dá un viño por Nadal. E
asombrámonos de que un grupo municipal celebre e financie con alcol o
que legalmente non conta con prohibición expresa para financiar.
¿Suprimimos o alcol definitivamente da
Administración pública, ou seguimos xogando a ver quen é máis hipócrita e
dándolle voltas a ver quen é máis transparente coas contas? Se os
impostos que gravan o alcol que se financia públicamente destinásense á
investigación e a innovación, iríanos un pouco menos mal, aínda que,
para ser sinceros, sería preferible que o destinasen integramente e, se
non, ¿non sería mellor que se eliminase expresamente das contas
públicas?

No hay comentarios:
Publicar un comentario