Ricardo García Mira
Non é doado entender cómo o electorado galego renunciou
a tirar das orellas ó partido que coa súa acción ou omisión favoreceu
as condicións que levaron ó afundimento do Prestige ou á implicación deste país na ilegal e vergoñenta guerra, senón que a impresión, ó parecer, é a de que aquí non pasou nada.
En primeiro lugar, é difícil crer que Galicia teña
feito a súa transición política cara á democracia, como o proban as súas
persistentes estructuras caciquís e clientelares, que se manteñen mesmo
para garantir o acceso ós dereitos máis básicos dun cidadán. Trátase,
pois, dun asunto de educación e conciencia democrática. En segundo
lugar, o Prestige danou en Galicia a unha das comunidades
de maior riqueza ecolóxica de Europa. ¿Que foi da estratexia galega de
educación ambiental e da política da sostenibilidade? ¿Por que non
se
activaron? ¿Cal é agora a súa credibilidade? ¿Que ocorreu na mente do
cidadán que olvidou o chapapote que cubriu a costa, afundiu a súa
economía e danou a dignidade de todos? As indemnizacións borraron o
chapapote na conciencia e reduciron a disonancia, facendo que as
familias que as percibiron corrixiran a posible disposición a mudar o
seu voto, alomenos mentres se viron compensados. Unha cuestión de
educación ambiental. Finalmente, ¿en que sociedade vivimos que, a pesar
das manifestacións e das masacres, non se cuestionou a guerra á hora de
votar, aínda cando defender o valor do pacifismo chegou a significar ser
radical e indesexable? É ben certo que pensar que nas eleccións
municipais se vota á persoa e non ó partido implica menos coste
emocional que pensar nas masacres humanas que como país estivemos a
apoiar lonxe de aquí.
En resumen, educación para a democracia, para o medio
ambiente, para a paz. Quizais alguén pode ter interese en facernos crer
que Galicia é inmune á alteración desta tríada de cousas. Quizais somos
unha sociedade máis complexa -non o creo-. Non sexamos cínicos. Non é a
resposta da cidadanía galega. É a demanda de educación dunha sociedade, á
que durante moito tempo, e ata hai ben pouco, se lle fixo crer que
cando os seus fillos non querían estudiar era porque non valían, ¿ou non
foi así?
2 Junio 2003

No hay comentarios:
Publicar un comentario