sábado, 4 de julio de 2009

Liberdade e Responsabilidade

Ricardo García Mira

O Goberno galego está a reaccionar para atender as demandas contra a obriga do galego no ensino e contra a privación do dereito de elixir a lingua na educación. Unha lingua que perde falantes, máis tarde ou máis cedo, desaparece sen contemplacións. E perder unha lingua é perder unha parte esencial da cultura. Este parece ser o futuro evitable do galego, como ameaza a actitude dun sector da poboación ao demandar opcións que levan á segregación lingüística e ao mantemento da diglosia. O castelán, lingua fermosa e eternamente universal, a través da que tamén nos comunicamos entre moitos de nós e cos nosos veciños do resto do Estado e do mundo hispano, imporase inevitablemente. ¿E pensan que debemos facer algo? Refírome a algo responsable, fronte a esta interpretación da obriga lingüística. Obrigado é todo o ordenamento, sen que por iso haxa privación de liberdade ou perda do sentido democrático.

A vivencia da lingua é unha experiencia de comunicación, como así o vivimos moitos, e non como unha imposición forzada, demagóxica e perversamente interpretada. Temos a vantaxe de ter dúas, cos beneficios cognitivos que conleva, ao dar maior plasticidade e capacidade de discriminación entre códigos lingüísticos á nosa intelixencia, e coas ganancias asociadas noutros dominios da vida, incluída a facilidade para acceder a outras linguas.

Temos o dereito a aprender nas dúas linguas que a cultura nos brinda, e a obriga social de falalas, escribilas e transmitilas, porque son chaves da identificación social e cultural. Son aspectos que non precisan ser preguntados nin referendados, senón potenciados como parte da cultura. Ninguén priva do dereito á liberdade na educación, porque esta liberdade ten os seus límites no respecto á cultura. Elixir é algo bo, pero deixa de selo se non se fai con responsabilidade e coñecemento das consecuencias que seguen a esa elección. Se a segregación favorece a futura extinción da lingua menos prestixiada, unha consulta mal planificada terá unha consecuencia fatal no plano cultural, e alguén debería ter a responsabilidade social de dalo a coñecer. Impoñamos mellor un pouco de flexibilidade e tolerancia coas especificidades da nosa cultura. Aprender en galego é digno, e aprender nas dúas linguas aínda o é máis. Se incorporamos unha terceira, e incluso unha cuarta, estaremos mellorando o noso modelo lingüístico.