lunes, 29 de octubre de 2012

ESTEREOTIPOS E EFICIENCIA



Ricardo García Mira

Eurofound, a axencia de investigación europea especializada en condicións de vida e laborais, sinala que os case 14 millóns de mozos ninis (nin estudian nin traballan) que existen en Europa lle custan á UE a suma de 153.000 millóns de euros (1,2 % do PIB da UE), en concepto de benestar e produción perdida. España, con oitocentos mil (23,1 %) entre 18 e 24 anos, é un dos países con máis porcentaxe de rapaces integrados na chamada «xeración perdida». 

Para a OCDE, Europa fracasou no contrato social cos mozos estando a risco de quedar excluídos da participación democrática da sociedade. A isto contribuíron as propostas neoliberais dos anos noventa, que acabaron destruíndo o aparato produtivo ao crear xeracións de rapaces rodeados de tecnoloxía e democracia, pero enfrontados a dificultades de infraemprego, infravaloración da formación, contratos-lixo ou supresión de dereitos laborais, coa conseguinte angustia que produce a imposibilidade de emanciparse e desenvolver un proxecto vital. 

A ausencia de formación axeitada e a dificultade de competir nun mundo laboral cambiante medra, ao tempo que aumenta a vulnerabilidade e o risco de marxinación, o que, ademais de económico, produce un impacto social. O ocio obrigatorio e improdutivo tórnase frustrante e favorece a indiferenza diante da incerteza que non deixa ver oportunidades de axuste entre a formación recibida e a demanda do mercado laboral e da sociedade produtiva. 

A crenza de que pertencen a unha xeración perdida non é compartida, non obstante, pois non pertencen a un único estereotipo. É obvio que a situación é problemática no actual momento económico, pero a investigación revela que teñen moito máis potencial do que se lle atribúe. O discurso oficial, ao situar esta categoría como inherentemente problemática, ignora a necesidade dunha maior eficiencia educativa e dun cambio na programación a favor dunha maior estimulación e adecuación ás capacidades de aprendizaxe.