lunes, 3 de octubre de 2011

FRAGAS DO EUME: ADMINISTRACIÓN E PROPIETARIOS

Ricardo García Mira

Hai uns días, mentres daba comezo o curso académico, reuníase a Administración da Xunta cos representantes dos propietarios no Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume (no que participan a Administración autonómica e as locais, propietarios, pescadores e asociacións de desenvolvemento), que dende hai tres anos me honro en presidir. Os propietarios das terras, vítimas dunha declaración apresurada do agora entorno natural protexido, constitúen unha das maiores dificultades para a aprobación consensuada do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), ferramenta básica e necesaria para o desenvolvemento responsable das actividades que poden ter lugar neste paraxe natural único e fermoso da Europa atlántica, que o pasado ano recibiu perto de 44.000 visitantes. Os criterios de sustentabilidade han presidir calquera planificación, como así o expresa o texto elaborado polo equipo redactor. Pero nin un só dos propietarios levantou a man para amosar o seu acordo co texto, expresando o seu máis firme rexeitamento á proposta da Administración. Entre outros aspectos, os propietarios incidiron no excesivo fincapé que o texto fai nas prohibicións e a pouca énfase no positivo do plan.

Isto pon de manifesto o que é de esperar cando a protección dun territorio se fai de espaldas aos seus moradores, aos seus propietarios ou a calquera organización ou persoa con intereses lexítimos nese espazo. Calquera especialista sabe que non se pode intervir nun territorio sen unha análise exhaustiva dos aspectos que poden verse afectados, sen o obrigado contacto coas persoas que serán obxecto da intervención (a norma declarativa) e sen a integración dos intereses que hoxe se dan cita no Consello Consultivo na adopción das decisións. Non foi o que sucedeu en 1997, cando 9.125 hectáreas foron oficialmente declaradas como parque natural. Agora os pasos son máis complexos, porque en lugar de camiñar cara adiante, trátase de consensuar cara atrás, desde unha actitude que non sempre respecta a lexitimidade dos propietarios para demandaren os seus dereitos a decidir sobre o uso e destino das súas terras.

A Administración, como garante da legalidade, fai valer as súas normas, restrinxindo os movementos e limitando as actuacións dos propietarios, e tenta aproximarse a eles para xestionar pacificamente o PRUX, e isto está ben. Pero aínda debe ir máis alá, demostrando que o interese público do parque, e o uso e xestión que se faga del, debe constituír unha verdadeira oportunidade de creación de riqueza e de desenvolvemento socioeconómico que beneficie a toda a sociedade, por exemplo a través da promoción do turismo sustentable.

Finalmente, da miña experiencia permítome sinalar que a supresión de barreiras á comunicación é un paso necesario: a selección da linguaxe, a corrección do estilo e a dotación orzamentaria correspondente, contribuirán sen dúbida á apertura dun proceso inequívoco de participación nas decisións, debendo admitirse con humildade que as normas, cando supoñen un prexuízo para os cidadáns, se non hai menoscabo do entorno, tamén poden ser cambiadas, e senón, miren a rapidez coa que se cambiou a Constitución, que é a norma de todas as normas.