domingo, 20 de noviembre de 2011

UN SISTEMA PARTICIPATIVO

Ricardo García Mira

Un sistema de xestión de residuos ten éxito cando a cidadanía se implica e participa. Fracasa cando a cidadanía deixa de implicarse ao detectar que o sistema non funciona, iniciándose unha retroalimentación negativa. Hai tres dimensións importantes que explican un comportamento responsable ecoloxicamente: a primeira é a confianza; a segunda, a participación e, a terceira, a responsabilidade social e política.

Con respecto á primeira, en Galicia carécese dunha cultura de confianza que permita encamiñar as decisións cara o interese común e social, con independencia dos poderes públicos e os seus propios intereses. Hai, en cambio, a cultura de que o que gana un, pérdeo o outro, resultando difícil chegar a un entendemento institucional. Con respecto á participación, esta aínda está ausente en Galicia, a diferencia do que ocorre en países escandinavos e noutros desenvolvidos: esa participación ha de lograrse a través da creación de estruturas sociais, establecendo normas, pero tamén educando, proporcionando a formación axeitada. Precísase, por último, unha responsabilidade social e política, de xeito que favoreza o traballo conxunto entre Administracións para alcanzar obxectivos comúns.

Neste senso, a conduta do cidadán segue un modelo explicativo suxeito a dous patróns de influencia: actitudinais (a consecuencia dos valores que constrúe unha sociedade a través da educación) e normativos, que se refiren a dous tipos de normas: en si mesmas (xurídicas) e persoais (as que se forman a partir da percepción que os demais -familiares, amigos, veciños- teñen da nosa conduta).

O sistema de xestión de residuos que existe hoxe en Galicia é top-down, de arriba abaixo. Estes modelos acaban facendo auga en moitos lugares, polas súas dificultades de funcionamento. Han de propoñerse sistemas máis comunitarios e participativos, creando as correspondentes estruturas de participación, nos que se implique aos cidadáns, ás asociacións, ás empresas que xestionan os residuos, a representantes políticos... A todos os axentes que participan no proceso.