domingo, 4 de marzo de 2012

Consumo, confianza e identidade


Ricardo García Mira


A crise da volta aos hábitos de consumo e deixa ver que o elemento central que fai funcionar a nosa sociedade está tocado. O sistema anima ao cidadán a manter o seu estatus de consumidor, mesmo cando a razón aconselle un comportamento máis responsable de aforro ou contención. Un regulador básico equilibra a distribución do gasto e fai que a porcentaxe do orzamento destinado a necesidades básicas sexa maior en ausencia de confianza, e menor o destinado a bens prescindibles. É o sentido común, que fai que o cidadán adopte un consumo máis “defensivo” que reduce o gasto superfluo e reaxusta o sistema mentres se recupera a confianza.

Algúns pilares vense afectados. As técnicas de creación de necesidades e de persuasión social para comprar xa non son áxiles e a publicidade e o marketing ven reducida a súa capacidade para outorgar valor simbólico aos seus produtos. Aínda resiste a identidade, a través da que moitos cidadáns sitúan no consumo a súa principal forma de identificación e categorización social. A crise ameaza con derivar nunha crise de identidade e de estabilidade do sistema que acentúa as diferenzas entre sectores sociais e actúa como contención frente ao desexo de reducir o gasto. Son tempos de desequilibrio que revelan tamén graves desaxustes éticos e financieiros, pero proporcionan oportunidades para reorientar as nosas conciencias, aspiracións e expectativas cara a outros modelos de organización social.