domingo, 1 de abril de 2012

LUME NAS FRAGAS

Ricardo García Mira

Case un 10% da masa forestal do Parque Natural Fragas do Eume desaparecía esta fin de semana baixo as lapas. Unha vez máis, o risco tórnase incomprensiblemente en dano e desolación producida polo lume implacable. O Presidente da Xunta referíase á posibilidade de que fora provocado. Non é de extrañar tal sospeita; o estudo que en 2007 levamos a cabo desde o Consello da Cultura Galega, refrexaba que un 30,4% da poboación atribuía os incendios a accións criminais intencionadas e un 22,5% a conductas irresponsables. Refrexábase tamén que o abandono dos montes, os usos das terras e a necesidade dunha política preventiva, eran para os cidadáns aspectos cruciais na loita contra o lume.

O risco nas Fragas do Eume ten unha distribución espacial e temporal, que ten que ver coa propagación e coa meteoroloxía e as épocas de perigo, e está vencellado á vulnerabilidade do territorio, que é ambiental, pola súa enorme biodiversidade, pero tamén social, porque cada vez máis cidadáns se ven afectados polas consecuencias do modelo de xestión, como o demostra o maior número de desaloxos ao que empezamos a vencellar a ocorrencia de incendios forestais. Quizáis non podemos evitar que un incendio xurda, pero se educamos á poboación, poderemos evitar a súa propagación. Fomentar a cultura forestal, da que actualmente carecemos, e unha educación sobre o territorio que garanta unha redución da intencionalidade criminal e da combustibilidade dos montes, é un obxectivo alcanzable.