domingo, 19 de mayo de 2013

ALCOL PRECOZ E DANO CEREBRAL

Ricardo García Mira



A idade media de inicio no consumo de alcol en España é de 16,7 anos. É a droga de maior consumo en estudantes de secundaria, e os costes socioeconómicos que resultan do incremento detectado en menores centran cada vez máis a nosa preocupación: accidentes de tráfico, violencia, delitos contra a propiedade, sexo de alto risco ou psicose, entre outros. España ten xustificado sempre o alcol en que somos un país produtor, especificamente de viño, e beber forma parte da nosa cultura, o que impulsou estratexias baseadas na promoción de prácticas de consumo responsable. Esta tolerancia hoxe, combinada con estratexias, esta vez comerciais, veu debuxando unha traxectoria que foi decaendo cara a unha desidia social.

A existencia dunha idade por debaixo da cal se prohibe o consumo de bebidas alcólicas non é infundada, senón que está baseada en investigación actual, que demostra que os menores reaccionan ao alcol de maneira diferente aos adultos. Acadan o estado de embriaguez o dobre de rápido e os danos cerebrais que experimentan durante un proceso que aínda é de maduración cerebral chegan a ser estruturais e, por tanto, irreversibles. Un exemplo é o dano producido durante o proceso de mielinización neuronal, básico en moitos procesos de pensamento, adopción de decisións, control de impulsos e maduración emocional.

Os principais factores que inflúen nas crenzas e actitudes cara ao consumo están na familia e nos compañeiros. Logo a educación desde casa para o risco é importante, aínda que non suficiente. As intervencións baseadas no traballo con normas sociais que corrixan falsas crenzas sobre o inofensivo do alcol ou o risco de beber a unha idade temperá e a promoción de programas que permitan a inclusión da educación para a saúde no proxecto de centro constitúen estratexias chave.

miércoles, 15 de mayo de 2013

ALCOL PÚBLICO E INNOVACIÓN

Ricardo García Mira

Cando fun profesor invitado na Universidade de Texas, hai xa dez anos, tiven dúas invitacións institucionais a xantar fóra da Universidade, unha ao chegar, a cargo do responsable do programa de investigación no que estiven implicado, e a outra ao finalizar a miña estancia, a cargo do director do departamento, como despedida. En ambos os casos, a factura pagouse con dous cartóns de crédito, un institucional, que deu conta do xantar protocolario, e outro persoal -do meu anfitrión-, para pagar o viño que acompañou estes eventos. Descubrín así como a Universidade de Texas, como moitas outras institucións norteamericanas, en ningún caso financia bebidas alcohólicas con cargo ao erario público.
España é diferente, aquí o alcol forma parte non só da vida social, senón tamén da vida institucional, sen prohibición expresa legal. Se tivésemos que calcular a cantidade de alcol consumido en viños españois, cócteles, xantares institucionais, ceas que se financian ao ano con cargo ao erario público en dietas, celebracións, invitacións protocolarias, sardiñadas e demais, chegariamos á conclusión de que estamos ante algo francamente inmoral, nestes e en calquera tempos que corran. Si, será legal, pero é inmoral. Sen saír de casa, contabilizamos o viño anual que dá a institución na que traballas, e de aí para abaixo, todo o que ten un cargo dá un viño por Nadal. E asombrámonos de que un grupo municipal celebre e financie con alcol o que legalmente non conta con prohibición expresa para financiar.
¿Suprimimos o alcol definitivamente da Administración pública, ou seguimos xogando a ver quen é máis hipócrita e dándolle voltas a ver quen é máis transparente coas contas? Se os impostos que gravan o alcol que se financia públicamente destinásense á investigación e a innovación, iríanos un pouco menos mal, aínda que, para ser sinceros, sería preferible que o destinasen integramente e, se non, ¿non sería mellor que se eliminase expresamente das contas públicas?