sábado, 25 de octubre de 2014

A RESPOSTA DAS UNIVERSIDADES AO RETO DA INVESTIGACIÓN E A INNOVACIÓN



Ricardo García Mira
Coordinador do consorcio europeo GLAMURS (FP7)

O 7º Programa Cadro da Unión Europea foi durante o periodo 2007-2013 o principal instrumento de financiación da investigación na Unión Europea. O seu sucesor, o oitavo programa, o Horizon-2020, mantén, e incluso mellora, a aposta da UE pola investigación e a innovación cun orzamento en torno aos 80 mil millóns de euros. A posición de España no 7º PC foi boa, situándose con 3182 millóns xestionados no 6º posto, xunto a Alemania (7082), Reino Unido (6880), Francia (5088), Italia (3529) e Holanda (3291), pero entre os países de cabeceira, ou sexa, aqueles que superaron un retorno superior aos 2 mil millóns. 

Os investigadores responderon ben ao programa, o que quere dicir que comprenderon ben o novo escenario de competitividade e o que significa para o desenvolvemento de investigación de calidade. A investigación española ten capacidade para estar nese grupo de cabeceira, como o amosan estas cifras. Hai falla, sen embargo, dun maior respaldo financeiro ás universidades para que poidan éstas emprender programas de apoio á consolidación dos seus investigadores, incentiven a súa participación e introduzan factores de motivación nas súas plantillas, que permitan incrementar ese retorno e dignificar a investigación.

 Galicia sobrevive cunha participación discreta no que a financiación europea se refire. A USC mantén a cabeceira desde o inicio do FP7 no número e liderazgo de proxectos, á que lle sigue perto a de Vigo. A UDC, si ben ocupa o  terceiro lugar, destaca no programa polo seu liderazgo en Galicia no ámbito de Humanidades e Ciencias Sociais, con liñas de Sustentabilidade e Innovación Social, nas que creo que o noso grupo tivo algo que ver (www.people-environment-udc.org).

Os investigadores, e así as universidades, fixeron os seus deberes a pesar das restriccións. O Goberno debe recoñecer que máis do 90% da investigación estase a facer nas Universidades e, por tanto, ten que responder cunha política decidida. Competir en Europa para manter estes liderazgos non é gratuito, precisa de máis inversións –actualmente centradas prácticamente en exclusiva nas empresas-,  reforzando o papel das universidades.