sábado, 25 de octubre de 2014

A RESPOSTA DAS UNIVERSIDADES AO RETO DA INVESTIGACIÓN E A INNOVACIÓN



Ricardo García Mira
Coordinador do consorcio europeo GLAMURS (FP7)

O 7º Programa Cadro da Unión Europea foi durante o periodo 2007-2013 o principal instrumento de financiación da investigación na Unión Europea. O seu sucesor, o oitavo programa, o Horizon-2020, mantén, e incluso mellora, a aposta da UE pola investigación e a innovación cun orzamento en torno aos 80 mil millóns de euros. A posición de España no 7º PC foi boa, situándose con 3182 millóns xestionados no 6º posto, xunto a Alemania (7082), Reino Unido (6880), Francia (5088), Italia (3529) e Holanda (3291), pero entre os países de cabeceira, ou sexa, aqueles que superaron un retorno superior aos 2 mil millóns. 

Os investigadores responderon ben ao programa, o que quere dicir que comprenderon ben o novo escenario de competitividade e o que significa para o desenvolvemento de investigación de calidade. A investigación española ten capacidade para estar nese grupo de cabeceira, como o amosan estas cifras. Hai falla, sen embargo, dun maior respaldo financeiro ás universidades para que poidan éstas emprender programas de apoio á consolidación dos seus investigadores, incentiven a súa participación e introduzan factores de motivación nas súas plantillas, que permitan incrementar ese retorno e dignificar a investigación.

 Galicia sobrevive cunha participación discreta no que a financiación europea se refire. A USC mantén a cabeceira desde o inicio do FP7 no número e liderazgo de proxectos, á que lle sigue perto a de Vigo. A UDC, si ben ocupa o  terceiro lugar, destaca no programa polo seu liderazgo en Galicia no ámbito de Humanidades e Ciencias Sociais, con liñas de Sustentabilidade e Innovación Social, nas que creo que o noso grupo tivo algo que ver (www.people-environment-udc.org).

Os investigadores, e así as universidades, fixeron os seus deberes a pesar das restriccións. O Goberno debe recoñecer que máis do 90% da investigación estase a facer nas Universidades e, por tanto, ten que responder cunha política decidida. Competir en Europa para manter estes liderazgos non é gratuito, precisa de máis inversións –actualmente centradas prácticamente en exclusiva nas empresas-,  reforzando o papel das universidades.

viernes, 6 de junio de 2014

ABDICACIÓN: INNOVACIÓN E COHERENCIA HISTÓRICA

Coa salvedade de Isabel II, que ten que considerar o seu mandato un asunto de vocación perpetua, vése que abdicar empeza a ser algo frecuente, a pesar de que a decisión adóptase no noso país sen sequera contar cunha lei orgánica que a regule. Unha vez máis demóstrase, como xa se fixo coa recente e fugaz modificación da Constitución, que aprobar leis que requiren maiorías cualificadas non é unha cuestión problemática. 

Suxeriuse que quizais abdicar baixo o Goberno do PP sexa máis doado para a supervivencia da Coroa que o sería baixo un Goberno socialista se conseguira gañar as eleccións. Se así é, o rei teríase saído coa súa, transmitindo o cetro a don Felipe, único ileso dos que foron caendo na familia real nos últimos anos, aínda sen pechar os cargos aos que se enfronta a duquesa de Palma por fraude fiscal e branqueo, ou a caza de elefantes en Botsuana, na que fora sorprendido en plena aplicación das máis impopulares medidas contra a crise, que, por outro lado, demostra que España é un país que ama os animais, a pesar de tanta corrida de touros.
ADVERTISEMENT

O clamor popular exprésase nas eleccións, e o luns o fixo en manifestacións por todo o país, pedindo non só renovacións na dirección de gobernos e partidos, senón tamén nos sistemas de goberno. A Comisión Europea, por mandato do Parlamento, tanto para o 7.º Programa Marco de Investigación e Innovación, como para o 8.º, o chamado Horizonte-2020, aprobou máis de 150 mil millóns de euros entre os dous para promover investigación, destinando cantidades millonarias, entre outros, a proxectos que estuden novos sistemas de gobernanza e innovación social nos que a cidadanía adopte un papel máis participativo. As teses dos programas europeos de traballo están máis acorde coas demandas cidadáns -de abaixo-arriba (bottom-up)- que coas decisións de arriba-abaixo (top-down) de imposición de xefes de Estado. Se esta é a sinerxía con Europa, ¿cando empezaremos a modernizarnos e a dar sentido e coherencia histórica a tanta inversión dineraria?