jueves, 21 de noviembre de 2013

O PRESTIGE: XUSTIZA SOCIAL E RESPONSABILIDADE

Ricardo García Mira

A desaparición do Prestige hai 11 anos debeu ser algo así como maxia, como dicía a miña colega Adina Dumitru na recente presentación do noso libro Lecturas sobre el desastre del «Prestige» ao refrescarnos o significado etimolóxico da palabra prestige, que quere dicir «acto de maxia». Logo das mareas negras que sucederon á catástrofe, vimos aparecer e desaparecer moitas cousas: galletas de chapapote, aves no chapapote, barcos de pesca do mar, emprego, ingresos da pesca e do turismo e cartos das arcas públicas, que costearon as indemnizacións e os máis de catro mil millóns de euros que financiamos todos. 

A sentencia que agora publica o tribunal, pola que se establece como única responsabilidade a do capitán por desobediencia á autoridade, chega con decepción, deixa lagoas, e parece tamén un «acto de maxia» no que mesmo desaparecen tamén todos os responsables. Evidencia, ademais, os profundos cambios que o noso sistema de organización da sociedade necesita emprender se quere acurtar a enorme distancia que separa aos cidadáns das políticas públicas. 

Xa poucos confían nun sistema xusto polo que, ademais, hai que pagar. A cidadanía cumpriu coa súa parte, e debera ser recompensada, cando menos igual que os veciños de Angrois, e como mínimo cunha sentencia social e ambientalmente xusta. Esta condena quédase cativa, e evidencia a ineficiencia dun sistema suxeito a presións e intereses que non favorecen a xestión de responsabilidades civís, políticas e penais, sexan por acción ou por omisión. 

A minimización do risco do desastre da que hai 11 anos se fixo eco o Goberno e o intento de fragmentar a resposta comunitaria, debilitando as redes de apoio social que xurdiron, foron actos contraproducentes que aumentaron o risco percibido e a percepción da baixa capacidade nos lugares afectados para afrontar a ameaza. A consecuencia destes actos non favorece precisamente a cooperación, e produce sentimentos encontrados que dan lugar a baixa eficiencia. En definitiva, son aspectos sociais que precisan máis atención, polo impacto social que producen.