lunes, 24 de agosto de 2015

ECONOMÍA VERDE, DECRECEMENTO E COMUNIDADE

Ricardo García Mira

O crecemento do consumo incrementa o lixo moito máis rápido que a capacidade para xestionalo de forma eficiente. Todo isto, unido á redución no que se refire ao ciclo de vida dos produtos e, así mesmo, á necesidade compulsiva de mudalo todo, provoca un aumento dos residuos especiais. Este tipo de restos non teñen cabida nos contedores cotiás e causan a aparición dos coñecidos puntos limpos.

En Galiza, os distintos métodos cos que se afronta este problema están ao límite da súa capacidade e non hai outra alternativa que non sexa a de fortalecer as estratexias de colaboración para acadar certo éxito.

Tal colaboración esixe mudar a mentalidade de políticos e cidadáns, de empresas e organizacións, máis centrada na construción de consensos. Como sociedade temos a obriga responsable de organizarnos polo impacto ambiental que producimos, mais esta responsabilidade non pode só recaer en políticos. As políticas converxen coa totalidade de cidadáns aos que van dirixidas, cuxa implicación define o seu éxito, que non consiste só en separar en orixe, senón en reducir tamén a necesidade de consumir. Isto require de decisións máis complexas, estreitamente relacionadas con mudar o estilo de vida.
Publicidad

Os científicos tentamos entender que é iso da economía verde en termos prácticos, ou o decrecemento, menos popular ao requirir redución de consumo (erroneamente asociada a perda de calidade de vida).

Solucións máis flexibles e innovadoras socialmente, en torno a un crecemento regulado por e desde a comunidade, son máis racionais e requiren reflexión. Con respecto a todo isto véñenme dous interrogantes á cabeza: ¿Teñen todas as comunidades que crecer constante e necesariamente? ¿Podemos definir con sentido común as nosas necesidades, construíndo de maneira cooperativa e racional a nosa propia visión de futuro e o seu consecuente plano de desenvolvemento responsable?

No hay comentarios: