lunes, 24 de agosto de 2015

IRSE DE CASA


Ricardo García Mira

En España, a idade para que os mozos se vaian de casa e fagan a súa transición cara á vida adulta sitúase hoxe nos 29,8 anos nos homes e, case dous puntos por debaixo, nos 27,9 nas mulleres, que se aliñan máis perto da media europea (26,1). Podemos dicir que é claramente alta. A crecente precariedade laboral aparece normalmente entre as motivacións máis aparentes que impiden que cheguen a sentirse autosuficientes para acometer a súa emancipación dunha maneira natural. 

Constitúe así un factor que xa é estrutural con influencias noutras dimensións vitais. As dificultades que os mozos atravesan para acceder ao seu primeiro emprego, gañar un salario digno e, consecuentemente, experimentar o dobre sentimento de capacitación para adoptar decisión propias e de utilidade para sentirse parte da sociedade, non facilitan en absoluto o proceso natural de transición cara á madurez. Estamos así ao lado de Grecia, Croacia ou Italia, que comparten dificultades de estabilidade laboral e precariedade social.
 
Pero non deberamos quedarnos só coa cuestión laboral como xustificación. Outros aspectos culturais, educativos e emocionais, ligados a un xeito de vivir o consumo aquí e agora, estimulan aos mozos a balancear a idea de que permanecer na casa dos pais resulta máis rendible na medida en que permite o acceso a outros recursos (coche, vida máis relaxada, vacacións...), que constitúen verdadeiras alternativas fronte ás obrigas da independencia que impoñen asumir un aluguer, unha hipoteca, ou o custo en xeral da emancipación. O modelo é igualmente económico, xa que na balanza xoga o factor do menor tempo e esforzo a investir para dispor das mesmas comodidades

No hay comentarios: